Thursday 02 de May de 2024

Case 150 familias ucraínas reciben apoio do Concello desde a súa chegada á cidade debida á guerra


A OMAPU, creada tras a invasión rusa hai un ano, ofrece un servizo integral para máis de 300 persoas

Desde a súa apertura o pasado 21 de marzo de 2022 un total de 338 persoas de nacionalidade ucraína pasaron pola Oficina Municipal de Apoio ao Voluntariado (OMAPU). Este servizo, posto en marcha polo Goberno municipal apenas un mes despois da invasión rusa, atende a 142 unidades familiares: 161 mulleres, 51 homes e 126 nenos e nenas. Os datos adiantounos hoxe a alcaldesa, Inés Rey, no día no que se cumpre un ano desde a invasión de Ucraína por parte de Rusia. Rey chamou a participar nos distintos actos de repulsa por este inxustificado ataque.

Desde a súa creación, a OMAPU formulouse como un servizo de atención integral aosrefuxiados que comezaron a chegar á cidade. Ademais de solucionar as necesidades máisurxentes, como o aloxamento, a manutención e a escolarización dos menores, puxéronse ásúa disposición outras axudas como a asistencia psicolóxica, o apoio na realización de trámites, clases de español ou actividades de lecer e deporte.

Ademais, púxose en marcha un sistema de tarxetas moedeiro co que as familias poden obter unha axuda de 50 euros mensuais durante tres meses para sufragar pequenos gastos. Desde a posta en marcha da OMAPU distribuíronse 31 axudas de tarxeta moedeiro. Así mesmo, outras 129 persoas beneficiáronse das axudas que ofrece a Fundación Emalcsa a través do programa Á boia. Nestes momentos, a intervención máis demandada é o acompañamento para a realización de trámites administrativos.

Tras atender o primeiro fluxo de refuxiados que chegaron á cidade no primeiro cuadrimestre do ano pasado, a OMAPU mantense aberta para atender posibles novas ondas polo agravamento do conflito.